Sada Artabra

  • Entrega de premios do III Safari Fotográfico Fontán e Contorna e inauguración da exposición da II edición
  • Quen somos
  • Actividades
  • Alegacións ao vial de enlace de Sada coa vía Ártabra
  • Alegacións ao plan xeral de Sada
  • Pola defensa do noso litoral

2ª edición Serán en Fontán 2013

Publicado por galaikoia o 20 Novembro 2013
Publicado en: Actividades,Actividades realizadas. Deixar un comentario

Ola de volta! Despois de moito tempo, aqui estamos de volta para comunicarvos, informarvos e convidarvos á nova edición, a segunda, do que xa pretendemos sexa algo con continuidade, o Serán en Fontán, e darlle así a nosa aldea unha pequena festa e celebración da cal carece; e tamén seguir a defender e reivindicar o noso entorno e patrimonio natural e cultural xa que segue a estar ameazado e en perigo.

Quedades logo convidadas e convidados a este novo serán que terá lugar este domingo 24 de novembro na cafetería Coffee 7, situada detrás da Axundantía, na avenida do Porto, 25. Previamente faremos unha pequena benvida no xa emblemático Castelo de Fontán a partir das 18:00, para continuar con proxecións, das fotografias do noso primeiro certame fotográfico; poesía; teatro e música, acompañado todo dun pequeno magosto, xa que a época e a tradición así o piden.

Aqui tedes o cartaz que anuncia o Serán para que teñades máis información das actuacións! Agardámosvos e vide connosco a celebrar a festa, o magosto e o serán!!

Seran_A4-2

Premios Safari Fotográfico ‘Fontán e contorna’

Publicado por galaikoia o 31 Outubro 2013
Publicado en: Actividades,Actividades realizadas. Deixar un comentario

Safari

PREMIOS SAFARI FOTOGRÁFICO

Aqui vos deixamos, por fin e non é sen tempo, o resultado do noso primeiro certame fotográfico ‘Fontan e contorna’ que celebramos entre os dias 15 e 18 de agosto deste mesmo ano, e que entregamos a finais dese mesmo mes. Unha vez máis queremos agradecer a todas e todos os participantes o seu traballo

Safari fotográfico “Fontán e contorna”

Publicado por plataformadefensaria o 8 Agosto 2013
Publicado en: Actividades,Actividades realizadas. Deixar un comentario

Safari

Do 15 ao 18 de agosto tedes outro motivo máis de festa! Convocamos un CONCURSO FOTOGRÁFICO baixo a denominación SAFARI FOTOGRÁFICO “FONTÁN E CONTORNA” con obxecto de aumentar a visibilidade da riqueza patrimonial e natural da contorna de Fontán afectada polo proxecto de enlace coa vía Ártabra. Quen se apunta?

Adxuntamos as bases para maior información!

Safari fotográfico “Fontán e contorna”: bases

A nosa carta de contestación a Ernesto Anido Varela

Publicado por galaikoia o 24 Xullo 2013
Publicado en: Pola defensa do noso litoral. Deixar un comentario

Aqui tedes a carta que lle vimos de enviar a Ernesto Anido, depois de receber nas nosas casas en Fontán, nas que había homes só a eles, e cos cartos de todas e todos os sadenses. Esta é a nosa contestación ante o que supón, unha vez máis, un ataque á intelixencia e ao sentido común:

_Señor-1

TunelConcello      AlternativaSelecionada

A infografia feita polo Concello de Sada, á esquerda, pouco ten que ver con plano oficial da Xunta de Galicia

Fontán (Sada), 15 de xullo de 2013

Señor Anido:

Agradézolle, en nome da Plataforma para a Defensa da Ría de Sada, o seu interese en explicar, aclarar e tranquilizar aos veciños e veciñas, entre os e as que nos atopamos os e as integrantes da Plataforma, ao respecto do proxecto de conexión da Vía Ártabra co porto de Fontán, malia considerar que lamentabelmente no canto de explicar, acusa; no canto de aclarar, confunde e minte; e no canto de tranquilizar, logra alarmarnos aínda máis.

Aprezamos que ao fin decidise amosar claramente a súa veraz visión sobre o proxecto, pese a que esta non sexa certeira dado que non coincide, como pode comprobarse na imaxe, coa proposta exposta publicamente pola Xunta de Galicia responsabel da obra. É unha mágoa que esta idea chegue toda vez rematado o prazo de alegacións, o que, doutra banda, resulta curioso e, de ser mal pensados e mal pensadas, que non o somos, incluso sospeitoso. Se a súa intención era informar debidamente aos veciños e veciñas, como non o fixo antes de que tivesen posibilidades reais de alegar? Queremos recordarlle que nos tamén lle ofrecimos esa posibilidade de informar, cando, hai máis de dous meses, solicítamoslle unha reunión con carácter urxente, e aínda estamos agardando pola súa resposta; se cadra vostede ten un concepto de urxencia que se dilata no tempo. Ao afirmar que quere “informar”, entendemos que o primeiro debera ser dialogar precisamente co colectivo que está a traballar no tema. Máis aínda cando, ao comezar o mandato como alcalde, manifestou que para falar con vostede “no habrá que pedir vez como para ir al médico”, senón que atenderá directamente a todos os cidadáns e colectivos que así o quixesen.

Non obstante, mentres vostede e o seu equipo de goberno calaban, esta Plataforma encargouse de informar aos veciños e veciñas, non só de Fontán, tamén do resto das parroquias e lugares afectados, na medida das súas posibilidade, cos planos e documentos públicos do proxecto, durante o tempo que durou ese período de alegacións, a pesar de que este foi dun mes escaso e inmediato á fin do prazo de alegacións do mesmo PXOM de Sada. No único proxecto sometido a exposición pública, que é o da Xunta, porque a Vía Ártabra e os seus enlaces é un proxecto de titulariedade da Xunta de Galicia, non do Concello de Sada, prevense falsos túneles, foxos a ceo aberto, e outras barbaridades que afectarán de xeito gravísimo a espazos de protección pública inmediatos a beira mar que a día de hoxe xa podemos dicir con orgullo que forman parte dunha reserva da biosfera declarada pola UNESCO o 27 de maio deste mesmo ano (2013). Isto si que seria un proceder de absoluta irresponsabilidade.

Queremos aclarar que, guste ou non, este proxecto SI afectará ao Castelo de Fontán e á praia de Morazón. Parécenos moi optimista, por non dicir unha pura falsidade, pero non o imos dicir, asegurar, aclarar, se o prefire, que, e citamos textualmente: “ tanto el Castillo de Fontán como la Playa de Morazón no se verán afectados por dicha infraestructura”, por canto o proxecto inclúe un túnel que lle pasa por riba, ou por abaixo, segundo se mire, ao primeiro, e así o recoñece a memoria do proxecto da Xunta de Galicia, que propón excavar e trasladar o Castelo e devolvelo despois ao seu emprazamento orixinal (‘3.1 Consideraciones previas B) En lo concerniente al Castelo de Fontán, la prospección citada propone la realizacvión previa de una excavación y el traslado durante la fase de obra del mencionada elemento, para una vez ejecutado el falso tunel, reponer el Castelo a su emplazamiento original’[1]).Cuestión preocupante para nos xa que, aínda hoxe nos preguntamos como é posibel desmontar e volver a montar o Castelo, coas características que ten, e o seu xacemento, de gran valor arqueolóxico, e devolvelo todo ao seu lugar orixinal. Todo isto obriga, non existe outro xeito, a remover a terra do cantil onde se asenta Morazón, tendo en conta que, ademais, e según recoñece o proxecto da Xunta, prevense trincheiras, como a do Monte do Pobre, de máis de 29 metros de profundidade, o que serian, a cada banda, un edificio de 10 andares, o cal pon en serio perigo a propia existencia da praia de Morazón e en grave risco a Fontán. Por tal afirmación deducimos que, ou ben minte, e queremos evitar pensar iso, ou ben descoñece, ademais do plan da Xunta e a asignación de competencias, o lugar, así que aproveitamos dende aquí para convidalo a visitar o areal; estamos seguros de que a unha persoa nativa de Betanzos, a fermosa terra dos cabaleiros, e antiga capital do reino de Galiza, lle gustará coñecer a beleza dos nosos ribazos, aos que lle cantou poeta tan ilustre como o noso vate Manuel Lugrís Freire, e daquela non tiña bandeira azul nin ninguén a botaba en falta para saber que se atopaba no paraíso.

Gustaríanos explicar, se se nos permite, que a opción de enlace da vía Ártabra co Porto de Sada elixida pola Xunta para a exposición pública non é a máis “respetuosa al máximo con el patrimonio, el entorno y el medioambiente”. Isto non o dicimos nós, senón que a mesma Xunta, responsabel do proxecto, admíteo ao considerar que outra das alternativas (a E), a única que desbotaba o último tramo, a favor dunha alternativa menos agresiva co entorno, lograría “evitar a parte máis conflitiva desde o punto de vista ambiental e social”[2].

Tal e como se expresa no seu escrito, parece pretender que o porto estea illado e incomunicado para exercer a súa actividade actual e mesmo a futura, e liga a súa suposta operatividade a unha obra de custo e magnitude tales, non polo lonxitude senón pola orografía, que nos leva a formularnos a seguinte pregunta: é realmente necesaria para os veciños? NON. Logo, debe ser necesaria para quen a defende con tanto afinco que se permite o luxo de gastar cartos públicos en enviar cartas a cada casa de Fontán. Chamounos a atención que fosen en papel fotográfico, máis caro e incompatible con quen se ten declarado amante da sostibilidade ecolóxica, ou tal entendemos ao ler a nova sobre a moción asinada por vostede a favor da candidatura da bisbarra a reserva da biosfera[3]; e tamén consideramos indignante –para isto non atopamos desculpa- o feito, comprobado a través dos nosos veciños e veciñas, de que as cartas se enviaron exclusivamente aos homes da casa –imaxinamos que o único xeito de que esta misiva chegase a mans dunha muller sería que non houbese tal home.

Por todo o anterior, comprenderá que nos sexa en todo punto imposibel non continuar alarmadas e alarmados,e mire que nos gustaría sentirnos tranquilizadas e tranquilizados polas súas palabras, mais ler que cita o seu deber e responsabilidade como alcalde en dotar a Sada dunhas infraestruturas dese calibre sen querer escoitar as propostas e opinións dos veciños e veciñas ao respecto, e non só de Fontán, informámoslle que o paso dos viais de acceso á Vía Ártabra afectarán a gran parte do municipio; e non sabemos que tipo de privilexio teñen as veciñas e veciños de Fontán para ser os únicos, en recibir a súa epístola pagada cos cartos de todos e todas as sadenses, nun pseudodespotismo ilustrado que pretende facer crer, ou cre, coñecer o mellor para quen aquí viven e vivimos, o que nos deixaría no lugar de persoas sen capacidade de raciocinio propio.

E xa que acusa a certos partidos e colectivos (supoñemos, non sei se atinadamente, que un deles pode ser o noso), do que tan ben soubo facer vostede, desinformar sobre o proxecto, xa que abonda con botarlle un ollo á idílica infografía que adxuntou coa súa amable carta para decatarse da ilusión que esta sementa, comezando por indicar o Castelo como “legalizado y consolidado” cando, en realidade, leva legalizado dende a segunda metade do século XVIII, cando se construíu, e consolidado dende que fora declarado Ben de Interese Cultural por un Decreto de 1949, abraiaríao saber que a tales colectivos e partidos pertencen persoas, veciños e veciñas de Sada, que, efectivamente, queren o mellor para a nosa localidade. Que non buscaría o mellor para o seu fogar?

E para despedirnos deixámoslle aqui o fermoso poema, ‘Ribazo de Morazón’, do xa referido Manuel Lugrís Freire, ao que, xusta e necesariamente, se lle adica este ano. Que mellor que estes versos para ilustrarlle da beleza e riqueza do patrimonio natural que posuimos, un auténtico tesouro. A historia nos foi ensinando que aqueles ou aquelas que pretenden mellorar o que a natureza nos brinda non teñen senón delirios de grandeza. Preocuparianos gravemente que poidera chegar a padecer dese mal.

Ribazo de Morazón

De penedos medoñentos

De triste recordazón

Onde a ardentía do mar

Nas noites do triste inverno

Non se cansa de bruar

Daime o voso fero son

Para espertar aos galegos

Que aínda teñen corazón

Recordámoslle que o progreso e o futuro non está no cemento, está nas persoas.

Asinado, María Isabel Valdivieso Varela

Presidenta da Plataforma para a Defensa da Ría de Sada e Betanzos


[1] Estudo Informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada DOGA 3 de maio do 2013

[2] Lido en “http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/6745/medio-ambiente-inicia-proceso-informacion-publica-novo-vial-acceso-porto-sada” a día 15 de xullo de 2013.

[3] Lido en “http://www.elidealgallego.com/articulo/area-metropolitana/anido-presentara-la-primera-mocion-a-favor-de-la-reserva-as-marinas-betanzos/20120220234857022796.html” a día 15 de xullo de 2013.

Ven celebrar a Fontán a Noite Meiga de San Xoan.

Publicado por sadaartabra o 19 Xuño 2013
Publicado en: Actividades,Actividades realizadas. Deixar un comentario

Manifestación. Que non te atropele o vial!

Publicado por galaikoia o 6 Xuño 2013
Publicado en: Actividades realizadas. Deixar un comentario

Convocámosvos a todas e todos os que vos sentides afectados, dun xeito ou outro, polo proxecto da Xunta co que pretende construir o vial de enlace da Vía Ártabra co Porto de Sada, e que destrue ao seu paso varias áreas de gran importancia medioambiental e paixasística, o areal de Morazón, declarado todo ese contorno reserva da biosfera pola Unesco, o Bic do Castelo de Fontán, desvertebra e separa de xeito dramático varias parroquias e aldeas do Concello de Sada. Todo iso, non para comunicar, senon para incomunicar. Porque non queremos que nos atropele o vial e menos que o faga pagado cos nosos cartos, os de todas e todos! Únete a nos o domingo diante do Concello en Sada, para ir até o Concello no Porto, e acabar co enterro simbólico de Morazón e de todas as parroquias e aldeas que separa ao seu paso!!

"CartazManifestación

Participa con nos na campaña organizada por ADEGA de limpeza simultánea de praias este sábado 8 de xuño, dia dos océanos, colaborando na limpeza de Morazón e da súa contorna.

Publicado por galaikoia o 6 Xuño 2013
Publicado en: Actividades,Actividades realizadas. Deixar un comentario

Participa con nos na campaña organizada por ADEGA de limpeza simultánea de praias este sábado 8 de xuño no dia dos océnos colaborando na limpeza de Morazón e da súa contorna.

Ribazo de Morazón. Manuel Lugrís Freire

Publicado por galaikoia o 6 Xuño 2013
Publicado en: Patrimonio. Deixar un comentario

Vial de enlace Sada-Via Ártabra

Publicado por galaikoia o 30 Maio 2013
Publicado en: Documentos. Deixar un comentario

Vial tramo Castelinho-BertinVial de enlace Sada-Via Ártabra

Aqui podes comprobar o impacto e afectación do vial no tramo entre Vertín e Fontán

Teatro na Ría

Publicado por galaikoia o 29 Maio 2013
Publicado en: Actividades,Actividades realizadas. Deixar un comentario

O pasado 10 de marzo tivemos outra actividade máis. Desta vez teatral, e tivo lugar na Casa da Cultura Pintor Llorens. Seguimos agradecendo moito a vosa abondosa asistencia!!

Teatrov

Navegación de artigos

← Entradas máis antigas
Entradas máis recentes →
  • LIGAZÓNS

    • POLA DEFENSA DO NOSO LITORAL
  • Artigos recentes

    • Roteiro pola Costa
    • III Safari fotográfico Fontán e contorna
    • Bo ano 2015! Que sexa o mellor posibel coa forza e enerxia de todas e todos!
    • Premios II Safari fotográfico Fontán e contorna, setembro 2014
    • II Edición Safari Fotográfico ‘Fontán e contorna’
  • Arquivo

    • Setembro 2015
    • Xaneiro 2015
    • Setembro 2014
    • Agosto 2014
    • Xuño 2014
    • Marzo 2014
    • Xaneiro 2014
    • Novembro 2013
    • Outubro 2013
    • Agosto 2013
    • Xullo 2013
    • Xuño 2013
    • Maio 2013
    • Abril 2013
    • Novembro 2012
    • Setembro 2012
    • Agosto 2012
    • Xullo 2012
  • Categorías

    • Actividades
    • Actividades realizadas
    • Documentos
    • Patrimonio
    • Pola defensa do noso litoral
    • Saudas e parabéns
  • Meta

    • Rexistrarse
    • Iniciar sesión
    • Feed de entradas
    • Feed de comentarios
    • WordPress.com
Blog en WordPress.com.
Sada Artabra
Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.
Privacidade e cookies: Este sitio utiliza cookies. Ao continuar usando este sitio estás a aceptar a súa utilización.
Para saber máis, incluído como controlar as cookies, consulta aquí: Política de cookies
  • Seguir Seguindo
    • Sada Artabra
    • Already have a WordPress.com account? Log in now.
    • Sada Artabra
    • Personalizar
    • Seguir Seguindo
    • Rexistro
    • Iniciar sesión
    • Report this content
    • View site in Reader
    • Administrar as subscricións
    • Collapse this bar
 

Cargando comentarios...