A nosa loita non para!
Pola defensa do noso litoral
Aqui tedes a carta que lle vimos de enviar a Ernesto Anido, depois de receber nas nosas casas en Fontán, nas que había homes só a eles, e cos cartos de todas e todos os sadenses. Esta é a nosa contestación ante o que supón, unha vez máis, un ataque á intelixencia e ao sentido común:
A infografia feita polo Concello de Sada, á esquerda, pouco ten que ver con plano oficial da Xunta de Galicia
Fontán (Sada), 15 de xullo de 2013
Señor Anido:
Agradézolle, en nome da Plataforma para a Defensa da Ría de Sada, o seu interese en explicar, aclarar e tranquilizar aos veciños e veciñas, entre os e as que nos atopamos os e as integrantes da Plataforma, ao respecto do proxecto de conexión da Vía Ártabra co porto de Fontán, malia considerar que lamentabelmente no canto de explicar, acusa; no canto de aclarar, confunde e minte; e no canto de tranquilizar, logra alarmarnos aínda máis.
Aprezamos que ao fin decidise amosar claramente a súa veraz visión sobre o proxecto, pese a que esta non sexa certeira dado que non coincide, como pode comprobarse na imaxe, coa proposta exposta publicamente pola Xunta de Galicia responsabel da obra. É unha mágoa que esta idea chegue toda vez rematado o prazo de alegacións, o que, doutra banda, resulta curioso e, de ser mal pensados e mal pensadas, que non o somos, incluso sospeitoso. Se a súa intención era informar debidamente aos veciños e veciñas, como non o fixo antes de que tivesen posibilidades reais de alegar? Queremos recordarlle que nos tamén lle ofrecimos esa posibilidade de informar, cando, hai máis de dous meses, solicítamoslle unha reunión con carácter urxente, e aínda estamos agardando pola súa resposta; se cadra vostede ten un concepto de urxencia que se dilata no tempo. Ao afirmar que quere “informar”, entendemos que o primeiro debera ser dialogar precisamente co colectivo que está a traballar no tema. Máis aínda cando, ao comezar o mandato como alcalde, manifestou que para falar con vostede “no habrá que pedir vez como para ir al médico”, senón que atenderá directamente a todos os cidadáns e colectivos que así o quixesen.
Non obstante, mentres vostede e o seu equipo de goberno calaban, esta Plataforma encargouse de informar aos veciños e veciñas, non só de Fontán, tamén do resto das parroquias e lugares afectados, na medida das súas posibilidade, cos planos e documentos públicos do proxecto, durante o tempo que durou ese período de alegacións, a pesar de que este foi dun mes escaso e inmediato á fin do prazo de alegacións do mesmo PXOM de Sada. No único proxecto sometido a exposición pública, que é o da Xunta, porque a Vía Ártabra e os seus enlaces é un proxecto de titulariedade da Xunta de Galicia, non do Concello de Sada, prevense falsos túneles, foxos a ceo aberto, e outras barbaridades que afectarán de xeito gravísimo a espazos de protección pública inmediatos a beira mar que a día de hoxe xa podemos dicir con orgullo que forman parte dunha reserva da biosfera declarada pola UNESCO o 27 de maio deste mesmo ano (2013). Isto si que seria un proceder de absoluta irresponsabilidade.
Queremos aclarar que, guste ou non, este proxecto SI afectará ao Castelo de Fontán e á praia de Morazón. Parécenos moi optimista, por non dicir unha pura falsidade, pero non o imos dicir, asegurar, aclarar, se o prefire, que, e citamos textualmente: “ tanto el Castillo de Fontán como la Playa de Morazón no se verán afectados por dicha infraestructura”, por canto o proxecto inclúe un túnel que lle pasa por riba, ou por abaixo, segundo se mire, ao primeiro, e así o recoñece a memoria do proxecto da Xunta de Galicia, que propón excavar e trasladar o Castelo e devolvelo despois ao seu emprazamento orixinal (‘3.1 Consideraciones previas B) En lo concerniente al Castelo de Fontán, la prospección citada propone la realizacvión previa de una excavación y el traslado durante la fase de obra del mencionada elemento, para una vez ejecutado el falso tunel, reponer el Castelo a su emplazamiento original’[1]).Cuestión preocupante para nos xa que, aínda hoxe nos preguntamos como é posibel desmontar e volver a montar o Castelo, coas características que ten, e o seu xacemento, de gran valor arqueolóxico, e devolvelo todo ao seu lugar orixinal. Todo isto obriga, non existe outro xeito, a remover a terra do cantil onde se asenta Morazón, tendo en conta que, ademais, e según recoñece o proxecto da Xunta, prevense trincheiras, como a do Monte do Pobre, de máis de 29 metros de profundidade, o que serian, a cada banda, un edificio de 10 andares, o cal pon en serio perigo a propia existencia da praia de Morazón e en grave risco a Fontán. Por tal afirmación deducimos que, ou ben minte, e queremos evitar pensar iso, ou ben descoñece, ademais do plan da Xunta e a asignación de competencias, o lugar, así que aproveitamos dende aquí para convidalo a visitar o areal; estamos seguros de que a unha persoa nativa de Betanzos, a fermosa terra dos cabaleiros, e antiga capital do reino de Galiza, lle gustará coñecer a beleza dos nosos ribazos, aos que lle cantou poeta tan ilustre como o noso vate Manuel Lugrís Freire, e daquela non tiña bandeira azul nin ninguén a botaba en falta para saber que se atopaba no paraíso.
Gustaríanos explicar, se se nos permite, que a opción de enlace da vía Ártabra co Porto de Sada elixida pola Xunta para a exposición pública non é a máis “respetuosa al máximo con el patrimonio, el entorno y el medioambiente”. Isto non o dicimos nós, senón que a mesma Xunta, responsabel do proxecto, admíteo ao considerar que outra das alternativas (a E), a única que desbotaba o último tramo, a favor dunha alternativa menos agresiva co entorno, lograría “evitar a parte máis conflitiva desde o punto de vista ambiental e social”[2].
Tal e como se expresa no seu escrito, parece pretender que o porto estea illado e incomunicado para exercer a súa actividade actual e mesmo a futura, e liga a súa suposta operatividade a unha obra de custo e magnitude tales, non polo lonxitude senón pola orografía, que nos leva a formularnos a seguinte pregunta: é realmente necesaria para os veciños? NON. Logo, debe ser necesaria para quen a defende con tanto afinco que se permite o luxo de gastar cartos públicos en enviar cartas a cada casa de Fontán. Chamounos a atención que fosen en papel fotográfico, máis caro e incompatible con quen se ten declarado amante da sostibilidade ecolóxica, ou tal entendemos ao ler a nova sobre a moción asinada por vostede a favor da candidatura da bisbarra a reserva da biosfera[3]; e tamén consideramos indignante –para isto non atopamos desculpa- o feito, comprobado a través dos nosos veciños e veciñas, de que as cartas se enviaron exclusivamente aos homes da casa –imaxinamos que o único xeito de que esta misiva chegase a mans dunha muller sería que non houbese tal home.
Por todo o anterior, comprenderá que nos sexa en todo punto imposibel non continuar alarmadas e alarmados,e mire que nos gustaría sentirnos tranquilizadas e tranquilizados polas súas palabras, mais ler que cita o seu deber e responsabilidade como alcalde en dotar a Sada dunhas infraestruturas dese calibre sen querer escoitar as propostas e opinións dos veciños e veciñas ao respecto, e non só de Fontán, informámoslle que o paso dos viais de acceso á Vía Ártabra afectarán a gran parte do municipio; e non sabemos que tipo de privilexio teñen as veciñas e veciños de Fontán para ser os únicos, en recibir a súa epístola pagada cos cartos de todos e todas as sadenses, nun pseudodespotismo ilustrado que pretende facer crer, ou cre, coñecer o mellor para quen aquí viven e vivimos, o que nos deixaría no lugar de persoas sen capacidade de raciocinio propio.
E xa que acusa a certos partidos e colectivos (supoñemos, non sei se atinadamente, que un deles pode ser o noso), do que tan ben soubo facer vostede, desinformar sobre o proxecto, xa que abonda con botarlle un ollo á idílica infografía que adxuntou coa súa amable carta para decatarse da ilusión que esta sementa, comezando por indicar o Castelo como “legalizado y consolidado” cando, en realidade, leva legalizado dende a segunda metade do século XVIII, cando se construíu, e consolidado dende que fora declarado Ben de Interese Cultural por un Decreto de 1949, abraiaríao saber que a tales colectivos e partidos pertencen persoas, veciños e veciñas de Sada, que, efectivamente, queren o mellor para a nosa localidade. Que non buscaría o mellor para o seu fogar?
E para despedirnos deixámoslle aqui o fermoso poema, ‘Ribazo de Morazón’, do xa referido Manuel Lugrís Freire, ao que, xusta e necesariamente, se lle adica este ano. Que mellor que estes versos para ilustrarlle da beleza e riqueza do patrimonio natural que posuimos, un auténtico tesouro. A historia nos foi ensinando que aqueles ou aquelas que pretenden mellorar o que a natureza nos brinda non teñen senón delirios de grandeza. Preocuparianos gravemente que poidera chegar a padecer dese mal.
Ribazo de Morazón
De penedos medoñentos
De triste recordazón
Onde a ardentía do mar
Nas noites do triste inverno
Non se cansa de bruar
Daime o voso fero son
Para espertar aos galegos
Que aínda teñen corazón
Recordámoslle que o progreso e o futuro non está no cemento, está nas persoas.
Asinado, María Isabel Valdivieso Varela
Presidenta da Plataforma para a Defensa da Ría de Sada e Betanzos
[1] Estudo Informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada DOGA 3 de maio do 2013
[2] Lido en “http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/6745/medio-ambiente-inicia-proceso-informacion-publica-novo-vial-acceso-porto-sada” a día 15 de xullo de 2013.
Onte membros da Plataforma reunímonos con representantes de distintas asociacións e forzas políticas de Sada, co obxectivo de crear unha fronte común contra o demoledor trazado da vía ártabra, contrariamente ao que se di desde a Xunta (http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/6745/medio-ambiente-inicia-proceso-informacion-publica-novo-vial-acceso-porto-sada).
Finalmente, acordamos canalizar a través da Plataforma todas as iniciativas que busquen frear esa barbaridade. Con urxencia, dado a escasa marxe que deixa o prazo para alegacións, convocaremos unha reunión (case con toda probabilidade este mesmo xoves) aberta a todos os veciños e veciñas para informar da situación.
Agosto 2012
Gustaríanos manifestar a nosa total oposición e desconformidade co proxecto do novo vial de acceso ao porto de Fontán (Sada) polos evidentes prexuizos que afectarán gravísimamente á súa contorna e ao seu entorno paisaxístico de gran valor e riqueza (tales como a praia de Morazón ou o Castelo de Fontán, clasificado como Ben de Interese Cultural polo Decreto do 22 de abril de 1949) ao que se suma o altísimo custo do último tramo ocasionado polo elevado desnivel existente en relación co porto; prexuizos independentes da posíbel ilegalidade de dita obra. Ao mesmo tempo cabe sinalar a falta de necesidade do devandito vial tendo en conta que o porto de Fontán ten moi limitada a súa actividade, entre outros motivos polo escaso calado do mesmo que non permite determinado desenvolvemento comercial. Ademais a intensidade de tráfico que suporia o novo vial non poderia ser absorvida pola actual rede viaria do porto e orixinaria fortes alteracións nas actividade cotiás e negocios existentes na zona do porto de Fontán. En definitiva, afectaría como mínimo aos seguintes eidos:
1. Económico, dado que o custo do tramo final supón un desembolso maior que o do resto dos tramos, dada a dificultade técnica da realización do mesmo polo desnivel que debería salvar.
2. Paisaxístico e natural, porque afectaría a unha zona de costa pola que, entre outros aspectos, transcorre o roteiro Costa Doce, e na que habitan especies autóctonas e vulnerabeis.
3. Patrimonial, porque segundo o proxectado un túnel fozaría os terreos sobre os que se asenta o Castelo de Fontán, fortín defensivo do século XVIII (BIC, D. 22 abril 1949).
4. Social, porque fracturaría en dous o pobo de Fontán, ocasionando danos irreparabeis nunha boa parte del.
5. Turístico, porque Fontán, como barrio típico mariñeiro, é hogano un dos atractivos turísticos da vila de Sada (A Coruña), e conta no seu haber con arquitectura tradicional, ruínas do fortín defensivo do século XVIII, ou a praia de Morazón, con recoñecidas augas excelentes para o baño.
Atentamente,
Plataforma en Defensa da Ría de Betanzos e Sada
Se concordas coa carta, podes asinala no seguinte enderezo: https://www.change.org/es/peticiones/salvemos-font%C3%A1n-paremos-a-estrada
Nesta páxina podes descargar documentación relacionada co proxecto da vía Ártabra que, entre outros danos medioambientais e ao patrimonio, inclúe a construción dun túnel baixo o Castelo de Fontán (declarado Ben de Interese Cultural) que lle afectaría irreversibelmente ao mesmo así como ao litoral e á praia de Morazón.
Se desexas asinar en contra deste proxecto aberrante, preme na seguinte ligazón: Salvemos Fontán, paremos a estrada!

A fermosa praia de Morazón é o inicio dunha costa virxe e chea de currunchos marabillosos, un patrimonio natural de valor incalculabel, ademais de recoller e gardar unha riqueza mariña envexabel. Flanqueda contra a banda do porto por un fascinante pasadizo natural, a Cova da Danza; e pola outra banda a fermosa e única Pena da Herba. A partir dela comeza unha incribel viaxe para os sentidos durante a marea baixa, coma se fosen as 2000 leguas de viaxe submariña pero a ceo aberto. Recantos de coios e pelouros, fochas que conforman pequenas mostras do variado ecosistema mariño en forma de pozas, pequenas cafurnas e grutas entre as rochas, etc..todo nunha beiramar que entrega á terra pequenos tesouros pulidos polo mar con formas infinitas, un lugar máis que axeitado para crebar. E a partir de aí unha colección de pequenos, e non tanto, areais irrepetibeis, Os Lobos, Arnela, A Ducha (cunha auténtica ducha natural que nunca pecha a billa), Armenteiro, Lourido…todo baixo uns cantís frondosos e abondosos en árbores, plantas, matogueiras, herbas, flores autóctonas, todo inzado dun potente e poderoso verde. Perder algo asi, seria coma destruir unha igrexa románica, unha ponte medieval, ou calquera cousa de valor incalculabel
-
Ten unha area fina, limpa e ben pulida, rochas e pozas que a marea fai aparecer e dasaparecer, cantís inzados de natureza,ameixeiras, loureiros que rematan en preciosas linguas de rocha ou en agrupacións de coios e pelouros que tamén descubre na beiramar a marea. Auga limpa e cristaliana, sempre que a coidemos preservemos e non permitamos que alteren ou enturben a súa condición