Agosto 2012
Gustaríanos manifestar a nosa total oposición e desconformidade co proxecto do novo vial de acceso ao porto de Fontán (Sada) polos evidentes prexuizos que afectarán gravísimamente á súa contorna e ao seu entorno paisaxístico de gran valor e riqueza (tales como a praia de Morazón ou o Castelo de Fontán, clasificado como Ben de Interese Cultural polo Decreto do 22 de abril de 1949) ao que se suma o altísimo custo do último tramo ocasionado polo elevado desnivel existente en relación co porto; prexuizos independentes da posíbel ilegalidade de dita obra. Ao mesmo tempo cabe sinalar a falta de necesidade do devandito vial tendo en conta que o porto de Fontán ten moi limitada a súa actividade, entre outros motivos polo escaso calado do mesmo que non permite determinado desenvolvemento comercial. Ademais a intensidade de tráfico que suporia o novo vial non poderia ser absorvida pola actual rede viaria do porto e orixinaria fortes alteracións nas actividade cotiás e negocios existentes na zona do porto de Fontán. En definitiva, afectaría como mínimo aos seguintes eidos:
1. Económico, dado que o custo do tramo final supón un desembolso maior que o do resto dos tramos, dada a dificultade técnica da realización do mesmo polo desnivel que debería salvar.
2. Paisaxístico e natural, porque afectaría a unha zona de costa pola que, entre outros aspectos, transcorre o roteiro Costa Doce, e na que habitan especies autóctonas e vulnerabeis.
3. Patrimonial, porque segundo o proxectado un túnel fozaría os terreos sobre os que se asenta o Castelo de Fontán, fortín defensivo do século XVIII (BIC, D. 22 abril 1949).
4. Social, porque fracturaría en dous o pobo de Fontán, ocasionando danos irreparabeis nunha boa parte del.
5. Turístico, porque Fontán, como barrio típico mariñeiro, é hogano un dos atractivos turísticos da vila de Sada (A Coruña), e conta no seu haber con arquitectura tradicional, ruínas do fortín defensivo do século XVIII, ou a praia de Morazón, con recoñecidas augas excelentes para o baño.
Atentamente,
Plataforma en Defensa da Ría de Betanzos e Sada
Se concordas coa carta, podes asinala no seguinte enderezo: https://www.change.org/es/peticiones/salvemos-font%C3%A1n-paremos-a-estrada